20130223

Sortu chama a criar un "Bloque Nacional Popular" para conquistar a independencia

Sortu chama a criar un "Bloque Nacional Popular" para conquistar a independencia

BNP...G? Non, BNP..EH. Non é un xeroglífico nen unha brincadeira. É a aposta estratéxica coa que Sortu fechou hoxe o seu congreso constituínte. A organización independentista e socialista basca chama a criar un "Bloque Nacional Popular" para conquistar a independencia. Hasier Arraiz (1973) foi eleito presidente.

H.V. hai 4 minutos

Hasier Arraiz


A conformación dun bloco político e social a prol da independencia e a construción do socialismo en Euskal Herria. Con ese propósito nace Sortu, que hoxe realizou o seu congreso constituínte e elixiu Hasier Arraiz, ex preso independentista, parlamentar de EH Bildu, como o seu primeiro presidente. A secretaría xeral ficou vacante, ao continuar o líder histórico Arnaldo Ortegui entre reixas.


Os textos son de máximos vindo da forza maioritaria dentro de EH Bildu, segundo grupo parlamentar en Vitoria e primeiro grupo parlamentar basco no Congreso. "Sortu nasce para facer e instar a facer. Sortu tamén nasce para criar. As mellores condicións políticas e sociais tamén poden derramarse se non houber organización e loita popular. Queremos facer a revolución", afírmase enfaticamente nos textos aprobados neste congreso. Revolución nacional. Ou sexa, independencia. Revolución social, ou sexa, socialismo. Sortu quer un Estado basco independente e socialista.


Na dirección de Sortu aparecen figuras históricas de Batasuna, entre elas Rufi Etxebarria, ideólogo con Otegui do cambio operado no Movemento Basco de Liberación Nacional.


Presenza galega

No congreso houbo, entre as delegacións internacionais convidadas, presenza galega. Montse Prado, secretaria de Organización do BNG, acudiu en representación da organización frentista. Por Anova estiveron Mario López Rico e Mariano Abalo.

No hay comentarios: