20130623

"Al definirte como gallego, no me representas como español"

"Al definirte como gallego, no me representas como español"

Antón Reixa salva a súa primeira batalla na SGAE con duras críticas do sector de Fernández Sastrón. O artista galego recibiu apupos e aplausos nunha tensa asemblea.

Seis horas. Ese foi o tempo que durou unha das asembleas máis tensas dos últimos tempos da SGAE e que acabou referendando, na noite deste xoves, as contas deste organismo nunha bronca tensión na que o seu presidente, o artista vigués Antón Reixa, recibiu númerosas críticas á súa xestión, pero tamén foi ovacionado polos seus partidarios.

Os momentos de maior tensión vivíronse durante a intervención do cantante e compositor Juan Erasmo Mochi que reprochou a Reixa que se defina como galego e dixo que non lle representaba como español, momento no que algún socio lle chamou "fascista".

Tamén caldeou o ánimo a intervención do presidente da Asociación de Compositores e Autores de Música (ACAM), José de Eusebio, que criticou duramente ao presidente da SGAE, do mesmo xeito que fixo Fernández Sastrón. Todos eles son do grupo crítico a Reixa.

Pero o artista galego defendeuse, e foi ovacionado cando insistiu en loitar contra o que cualificou de "fraude" por parte dun grupo de socios.

Finalmente, Reixa conseguiu 10.994 votos a favor (56,13 por cento) fronte a 8.374 en contra (un 42,95 por cento) e 384 abstencións (0,92 por cento). Uns resultados que salvaron, de momento, a xestión de Reixa a fronte deste organismo cunhas contas que el mesmo cualificou de "impecables desde o punto de vista técnico, económico e contable". Non pensa o mesmo o seu rival nas últimas eleccións, Luís Miguel Fernández Sastrón, que denunciou que o balance económico é "ilegal".

Investigacións

Precisamente, contra el e outros once socios que están sendo investigados, foron as críticas máis duras de Reixa que denunciou que, mediante unha "fraude", conseguiron da entidade 25 millóns de euros no últimos cinco anos.

"Isto é unha sociedade de autores, non de intermediarios e produtores e con estas prácticas se está a xogar o futuro da SGAE", indicou. "Non son autores, limitáronse a cambiar unha nota e nos títulos dunha mesma canción dunha obra de dominio público",engadiu.

A investigación realízase en relación á repartición dos dereitos televisivos entre produtores intermediarios que, ao parecer, falsean autorías de pezas musicais de dominio público cambiando unha soa nota ou rexistrándose como coautores en espazos de televisión en horario de madrugada.

O presidente da entidade atribuíu a este asunto a alta asistencia á asemblea xeral celebrada este xoves e á polémica que suscitou a carta que enviou en marzo aos socios advertíndolles destas prácticas, misiva que levantou "bochas" nalgúns socios que aproveitaron para reprocharlle que non pedise permiso á Xunta directiva para falar diso nos medios de comunicación.

"Impresentable"

Dous dos socios contra os que se abriron dilixencias de investigación interviñeron tamén na asemblea, e mostráronse moi doídos pola forma na que se levou a cabo. Entre eles, Juan Felipe López Márquez, que dixo que as contas eran "moi malas" e a xestión de Reixa "impresentable".

Con todo, Reixa defendeu os seus números e unha entidade, que a 31 de maio de 2013, incrementou os seus ingresos nun 3,8 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo un avance das previsións orzamentarias exposto ante a asemblea polo director económico financeiro, Luís Felipe Palacios.

Sen embargo, e segundo as contas aprobadas, a SGAE rexistrou en 2012 unhas perdas de 1,8 millóns de euros nun ano "especialmente difícil", caracterizado por "unha caída brutal" da demanda cultural, a pesar do cal os seus socios cobraron en concepto de dereitos de autor 384 millóns de euros.

No hay comentarios: